A ASOCIACIÓN  

A Asociación Miño Ulla, asociación sen ánimo de lucro, foi constituída ó 22 de xullo de 2008, e creouse coa finalidade de ser un núcleo de integración e representación dos diferentes axentes territoriais, tanto públicos coma privados, interesados en promover o desenvolvemento integral do seu territorio de actuación.

Así na Asociación están integradas diferentes entidades públicas e privadas con arraigo na zona, de xeito equilibrado e representativo tanto desde o punto de vista sectorial como territorial (asociacións de veciños, de mozos, de mulleres, de empresarios, culturais, deportivas, turísticas, artesanais, concellos, cooperativas agrarias, sindicatos agrarios, comunidades de montes...).

 
 

ÁMBITO DE ACTUACIÓN  

A Asociación Miño Ulla tiña desde a súa constitución como ámbito de actuación preferente o dos concellos de Antas de Ulla, Carballedo, Chantada, Monterroso, Palas de Rei, Portomarín e Taboada na provincia de Lugo, sen prexuízo de que este puidera estenderse por necesidades operativas dos seus programas e actividades.

Durante o exercicio 2016, a Asociación celebrou unha Asemblea que tiña como punto único do seu orde do día, a modificación dos seus Estatutos. Deste xeito procedeu a ampliar o seu ámbito de actuación preferente, pasando a ser este o dos concellos de Antas de Ulla, Carballedo, Chantada, Monterroso, Palas de Rei, Paradela, O Páramo, Portomarín, Sarria e Taboada, que constituían o territorio establecido pola AGADER como Grupo de Desenvolvemento Rural 05 (GDR05).

Despois desta modificación, a Asociación Miño Ulla, decidiu ser candidata a adquirir a condición de GDR para o Leader de Galicia 2014-2020, posto que xa tivera a condición de GDR no anterior período de programación Leader Galicia 2007-2013, e logo de elaborar a súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo e presentala, foi seleccionada pola AGADER como entidade colaboradora na xestión da medida Leader de Galicia, cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

 

FINS DA ASOCIACIÓN  

A Asociación Miño Ulla constituíuse coa finalidade de ser o núcleo de integración e representación dos diferentes axentes territoriais, institucionais, sociais e económicos, tanto públicos como privados, interesados en promover o desenvolvemento do territorio de actuación, para acadar os seguintes fins:
  1. 1. Vertebrar os diferentes sectores socioeconómicos e constituír un foro de debate continuo sobre os problemas da zona, prestando especial atención aos mozos, ás mulleres, as persoas con discapacidade, á protección do ambiente e á creación de emprego.
  2. 2. Sensibilizar as administracións locais, autonómica e estatal, así como as institucións comunitarias europeas, canalizando as demandas da poboación do territorio, co obxecto de optimizar o aproveitamento dos recursos endóxenos da zona de cara ao seu desenvolvemento harmónico e integral.
  3. 3. Ser centro receptor e distribuidor de toda a información relativa ao desenvolvemento socioeconómico do medio rural, tanto a nivel nacional coma internacional, centrándose esta labor principalmente no coñecemento dos recursos e promoción de proxectos e iniciativas de interese para lograr un desenvolvemento harmónico, equilibrado, endóxeno, sostible e integral.
  4. 4. Posibilitar entre os asociados e outros interesados o intercambio de experiencias e metodoloxías de animación e desenvolvemento socioeconómico.
  5. 5. Potenciar, revalorizar e preservar os recursos naturais, culturais, históricos e artísticos da zona.
  6. 6. Concienciar á poboación da necesidade de protexer o ambiente e o contorno rural, e tomar parte activa niso, mediante actividades orixinais e innovadoras.
  7. 7. Formular e transmitir á poboación a estratexia adecuada para lograr o desenvolvemento da zona, así como promover a súa aplicación.
  8. 8. Articular unha dinámica de participación que facilite o desenvolvemento tanto social como económico.
  9. 9. Procurar artellar redes de comunicación no rural que podan levar internet e outros servizos, cando menos o 90% da xeografía abarcada.
 

QUEN PODE SER SOCIO  

Poderán ser socios da Asociación Miño Ulla, entre outros, as comunidades de montes veciñais en man común, as asociacións e organizacións profesionais, as asociacións de mulleres, as asociacións de mozos, as entidades sen ánimo de lucro e as organizacións profesionais agrarias con presenza no territorio de actuación.

Non poderán formar parte da asociación as persoas físicas e as sociedades mercantís, excepto as seguintes entidades de economía social: cooperativas, sociedades agrarias de transformación e sociedades laborais.

Rexerá o principio de portas abertas, de xeito que se garanta permanentemente a incorporación de asociados. Para poder entrar na Asociación Miño Ulla, as diferentes entidades deberán acreditar un ano de actividade no ámbito territorial da mesma.

Calquera das entidades con presencia no territorio, que queira ser socio da Asociación deberá solicitar o ingreso mediante un escrito dirixido ao presidente no que manifeste a vontade expresa de adherirse á asociación e de comprometerse coa consecución dos fins estatutarios. Debe xuntar, ademais, un acordo do órgano competente da entidade que exprese a vontade de ser asociado e a persoa, titular e suplente, que a representará na asociación (ver solicitude de adhesión e ficha de asociado).

Cando un candidato a ser asociado non teña o seu domicilio social no ámbito de actuación desta Asociación deberá demostrar que desenvolve unha actividade relevante e consolidada no tempo en dito ámbito territorial.

O Presidente trasladará a solicitude á Xunta Directiva, que deberá resolver nun prazo non superior a dous meses dende a data de presentación, adscribindo a solicitante a unha das mesas sectoriais, segundo o seu interese preferente.

Non se adquire a condición de asociado mentres non se satisfaga a cota de entrada establecida.

 

MESAS SECTORIAS  

Segundo se recolle nos Estatutos da Asociación Miño Ulla, os membros da Asociación estarán integrados nas chamadas “Mesas Sectoriais” organizadas entorno aos seguintes ámbitos:
  • * Asociacións de mulleres
  • * Asociacións mozos e mozas
  • * Asociacións de acción social
  • * Asociacións ecoloxistas, ambientais e comunidades de montes
  • * Cooperativas agrarias
  • * Sindicatos agrarios
  • * Asociacións de empresarios, comerciantes e artesáns
  • * Asociacións deportivas, culturais e turísticas
  • * Asociacións de veciños e outras
  • * Mesa do viño
  • * Mesa do queixo
  • * Concello de Antas de Ulla
  • * Concello de Carballedo
  • * Concello de Chantada
  • * Concello de Monterroso
  • * Concello de Palas de Rei
  • * Concello de Paradela
  • * Concello de O Páramo
  • * Concello de Portomarín
  • * Concello de Sarria
  • * Concello de Taboada

A Xunta Directiva da Asociación está formada por 21 membros, representantes dos asociados elixidos pola Asemblea Xeral, en función da pertenza destes a cada Mesa Sectorial. O número de representantes do sector privado sempre debe ser superior ao número de representantes do sector público.

As Mesas Sectoriais teñen como finalidade servir tanto de canle participativa na Asociación dos actores implicados no desenvolvemento do territorio como de canle informativa das actividades da propia Asociación. Nas Mesas Sectoriais porase en común a problemática do sector ao que representen e as actuacións de mellora, proxectos, iniciativas... que o sector poida concibir, para elevar propostas á Asemblea Xeral.

 

Río