AXUDAS LEADER 2014-2020

Calquera persoa física ou xurídica que promova un proxecto no ámbito de actuación dun Grupo de Desenvolvemento Rural pode solicitar unha subvención. Os promotores non precisan formar parte do GDR para obter financiamento do programa LEADER. O que se debe ter en conta é que en función do proxecto pode haber restricións adicionais que recolle a normativa de aplicación (ex: para os proxectos de natureza económica exclúense as grandes empresas).

A valoración do GDR determinará a porcentaxe de subvención para cada proxecto. Así e todo, para os proxectos de natureza produtiva – os que se destinan a producir bens ou prestar servizos orientados ao mercado – non han superar nunca o 50% de axuda pública. Pola contra, os proxectos de natureza non produtiva – os que se destinan á prestación de servizos públicos gratuítos, a dotacións ou a mellorar a calidade de vida no rural – poden chegar a acadar o 100% do financiamento, aínda que como norma xeral o promotor sempre deberá facer algunha achega.

 

PROXECTOS SUBVENCIONABLES  

Serán subvencionables os proxectos que teñan encadramento na Estratexia de Desenvolvemento Local do GDR05 Asociación Miño Ulla, sempre e cando cumpran as condicións de subvencionalidade que se especifican nas Bases Reguladoras.

Con carácter xeral, os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos

a) Estar localizados no ámbito territorial de aplicación da EDLP do GDR05.

b) Ser viables técnica, económica e financeiramente, para os proxectos de natureza produtiva, e técnica e financeiramente para os non produtivos.

c) Axustarse á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.

d) Non estar iniciados na data da presentación da solicitude de axuda.

e) Ser finalistas.

 

TIPOLOXÍA DOS PROXECTOS  

Proxectos produtivos: aqueles que supoñan a realización dunha actividade económica con fin lucrativo tendentes á produción de bens e/ou servizos e que supoñan a creación e/ou mantemento do nivel de emprego.

Proxectos non produtivos: aqueles que teñan un interese público ou colectivo e non supoñan o inicio ou desenvolvemento dunha actividade económica con finalidade lucrativa.

 

BENEFICIARIOS DAS AXUDAS E REQUISITOS DOS MESMOS  

Con carácter xeral, poderán ser beneficiarios das axudas as persoas físicas ou xurídicas de carácter privado, as entidades públicas de carácter local ou comarcal (concellos, mancomunidades, consorcios e entidades dependentes das anteriores) e as comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades.

Os beneficiarios deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non ter débedas pendentes de ningunha natureza coa C.A. de Galicia.

b) Non estar incurso en ningún dos supostos previstos nos parágrafos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG) e en particular, non ter sido condenado mediante sentenza firme coa perda da posibilidade de obter subvencións públicas.

c) Cumprir os requisitos de pequena empresa, nos termos regulados no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño:

1º) Empregar a menos de 50 persoas.

2º) Ter un volume de negocio ou un balanzo xeral anual que non supere os 10 millóns de euros.

Para a definición de empresa, así como para o cálculo dos efectivos e importes financeiros da mesma, tomarase en consideración o disposto no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

d) Cumprir os demais requisitos que, en función da tipoloxía de proxectos, se especifican nas fichas de elixibilidade.

e) Non poderán ser beneficiarias as agrupacións de persoas xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia.

f) Non poderán ser beneficiarias das axudas previstas nestas bases reguladoras as empresas que operen no sector da pesca, da acuicultura e/ou da transformación e comercialización de produtos pesqueiros.

 

GASTOS SUBVENCIONABLES  

Con carácter xeral, e tendo en conta as particularidades que se establecen nas fichas de elixibilidade, poderán subvencionarse os gastos necesarios para cumprir coa finalidade do proxecto, sempre que o seu valor non exceda ao do valor normal de mercado. En particular son subvencionables:

a) A construción, adquisición e mellora de inmobles que vaian a ser utilizados en relación cos obxectivos do proxecto. No caso de adquisición de inmobles, a porcentaxe subvencionable non poderá superar o 50% do total dos gastos subvencionables e deberán cumprirse uns determinados requisitos (ver artigo 4 das Bases Reguladoras).

b) A adquisición de terreos ata o límite do 10% do total dos gastos subvencionables, e deberán cumprirse uns determinados condicionantes (ver artigo 4 das Bases Reguladoras).

c) A adquisición de maquinaria e equipamento novos.

d) Investimentos intanxibles como a adquisición e o desenvolvemento de programas informáticos, así como a creación de páxinas web, estudos e publicacións.

e) Custes xerais vinculados aos gastos de investimento, tales como honorarios de arquitectos, enxeñeiros e asesores, honorarios relativos ao asesoramento sobre a sustentabilidade económica e ambiental, incluídos os estudos de viabilidade. Os custes xerais descritos neste apartado non poderán superar o 12% do custe total subvencionable das operacións de investimento aos que estean vinculados.

f) Gastos notariais e rexistrais derivados do inicio da actividade prevista no proxecto, así como a adquisición de patentes e licenzas, dereitos de autor e marcas rexistradas. A suma dos gastos sinalados neste apartado xunto coa suma dos gastos en custes xerais sinalados no apartado anterior non poderá superar o 20% do conxunto dos gastos subvencionables do proxecto.

g) Medios e equipos de transporte, sempre segundo os termos que veñen establecidos no artigo 4 das Bases Reguladoras.

 

GASTOS NON SUBVENCIONABLES  

Con carácter xeral, e tendo en conta as particularidades que se establecen nas fichas de elixibilidade, para todas as operacións, non son subvencionables:

a) Os investimentos de reparación e mantemento das instalacións, así como a reposición ou simple substitución de equipamento e maquinaria, salvo que a nova adquisición corresponda a equipamentos ou maquinaria diferenciada dos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou porque mellore a súa capacidade de produción nunha porcentaxe superior a un 25%, que deberá xustificarse achegando un informe dun técnico competente ou dun organismo debidamente autorizado.

b) O IVE recuperable polo promotor do proxecto, así como os demais impostos indirectos que sexan susceptibles de recuperación ou compensación, así como os impostos persoais sobre a renda.

c) Os gastos de funcionamento da operación subvencionada e material funxible en xeral.

d) Maquinaria, equipamento e materiais de segunda man.

e) A execución por medios propios, o traballo voluntario non remunerado ou man de obra propia, así coma os materiais de igual procedencia.

f) Os intereses debedores das contas bancarias.

g) Os investimentos realizados con carácter previo á presentación da solicitude de axuda, coa excepción dos custes xerais vinculados a gastos de investimento.

h) Os investimentos que substitúan a outros que fosen financiados polo fondo Feader ou outro fondo comunitario e non transcorresen, polo menos, 5 anos, contados dende a data da realización do investimento.

i) Os investimentos de reforma ou rehabilitación de inmobles cuxa construción ou adquisición sexa financiada polo fondo Feader ou outro fondo comunitario e non transcorresen polo menos 5 anos contados dende a data da realización do investimento.

j) Os xuros, recargas, multas coercitivas e sancións administrativas.

k) Os gastos de procedementos xudiciais.

l) A compra de dereitos de produción agraria, animais e plantas anuais e a súa plantación en investimentos no sector agrario.

ll) Os conceptos de “gastos xerais” e “beneficio industrial”, agás nos proxectos de promoción pública cando estas partidas formen parte do prezo de licitación de acordo coa normativa de contratación administrativa.

m) Quedan excluídos aqueles investimentos promovidos polas entidades públicas locais relacionados coa prestación dos servizos enumerados no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, así como os servizos esenciais para os que o artigo 86 da citada lei declara a reserva a favor das entidades públicas locais e os de prestación mínima previstos no artigo 81 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia.

n) Os proxectos de sinalización territorial.

ñ) Investimentos non relacionados directamente coas actividades desenvolvidas polo solicitante, así como as obras de simple ornamentación.

o) Os gastos financeiros producidos como consecuencia do investimento.

 

TRAMITACIÓN DAS AXUDAS  

Presentación de solicitudes

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (procedemento MR701D - Axudas LEADER. PDR de Galicia 2014-2020). A presentación electrónica será obrigatoria para: as persoas xurídicas de carácter privado, as entidades públicas de carácter local ou comarcal, e tamén para as comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades.

As persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente no rexistro do GDR.

Análise da solicitude de axuda e da documentación

No suposto de defectos na solicitude ou na documentación complementaria, o GDR requiriralle ao interesado para que no prazo máximo e improrrogable de 10 días corrixa a falta ou acompañe os documentos preceptivos.

Non obstante o disposto no parágrafo anterior, non será susceptible de emenda a falta de presentación da seguinte documentación, considerada como mínimo imprescindible para tramitar a solicitude de axuda:

- Solicitude de axuda (Anexo II).

- Memoria e resumo do proxecto en documento normalizado (Anexo III para proxectos produtivos e Anexo IV para proxectos non produtivos).

- Orzamento de gastos necesarios para a execución do proxecto (Anexo V).

No caso de que non se achegue, como mínimo, esta documentación, emitirase por parte do GDR un informe control de elixibilidade (ICE) desfavorable.

Emisión do Informe de Control de Elixibilidade (ICE)

Compételle ao GDR emitir o ICE, que reflectirá o resultado da avaliación e baremación do proxecto. A baremación do proxecto realizarase segundo os criterios obxectivos de adxudicación das subvencións que o GDR ten establecidos e e puntuación que obteña cada proxecto será a que determine a contía individualizada da axuda que lle corresponde (ver Baremo de puntuación do GDR05).

O GDR remitirá a Agader o ICE acompañado de copia dos documentos que integran o expediente.

Emisión do informe técnico de viabilidade

Compételle ao GDR emitir un informe técnico de viabilidade por cada proxecto, que se remitirá xunto co ICE. O informe técnico de viabilidade pronunciarase sobre a capacidade, solvencia técnica e financeira do promotor para levar a cabo o proxecto. No caso de proxectos produtivos, o informe de viabilidade pronunciarase tamén sobre a solvencia económica do proxecto.

O GDR requiriralle ao promotor a acreditación do contido recollido nos puntos anteriores. O promotor poderá acreditar esta capacidade e solvencia mediante calquera medio válido admitido en dereito.

Verificación do ICE e do informe técnico de viabilidade

Compételle á AGADER realizar a verificación do ICE e do informe técnico de viabilidade. No suposto de carencias ou defectos na documentación que integra o expediente, a AGADER solicitaralle ao equipo xestor do GDR documentación complementaria.

A verificación do ICE e do informe técnico de viabilidade por parte da AGADER terá o carácter de informe preceptivo e vinculante. Non poderá concederse axuda a ningún proxecto que non conte coa verificación administrativa da elixibilidade favorable.

Selección e proposta de resolución por parte da xunta directiva do GDR

A xunta directiva do GDR realizará e remitirá a Agader, tendo en conta o procedemento de selección e priorización de proxectos definido na súa estratexia, unha única proposta de selección de proxectos motivada, para as solicitudes de axuda presentadas ata o 31 de marzo de cada ano. Dita proposta incluirá unha lista dos proxectos que se subvencionarán, ordenados de maior a menor puntuación e ata o límite máximo do crédito dispoñible do GDR e para cada tipoloxía de proxectos. Polo tanto, distinguirase, por unha parte, entre proxectos produtivos e non produtivos, e dentro destes últimos distinguirase entre os non produtivos promovidos por entidades públicas locais e os promovidos por institucións de carácter privado. A relación ordenada de maior a menor puntuación correspondente aos proxectos non produtivos incluirá en primeiro lugar aos considerados de prioridade alta, logo os de prioridade medida e a seguir os de prioridade baixa, tal e como se definan en cada unha das estratexias dos GDR que foron seleccionadas.

A antedita decisión trasladarase á AGADER, que resolverá a concesión da axuda segundo a proposta de resolución do GDR.

Unha vez realizada a proposta de resolución pola xunta directiva do GDR e no caso de existir crédito orzamentario para a anualidade correspondente, poderá realizarse unha segunda proposta de adxudicación de axudas ata o límite máximo do crédito dispoñible, coas solicitudes presentadas ata o 31 de maio de cada ano.

As propostas de resolución de concesión da axuda emitidas pola xunta directiva do GDR, nas que se inclúa unha relación de proxectos para os que se propón axuda, incluirán, no caso de que existan, unha lista de agarda (ordenada de maior a menor prioridade) formada por proxectos que conten co ICE verificado pola AGADER e para os cales non exista crédito dispoñible na anualidade.

Aquelas solicitudes que non puidesen ser atendidas no período correspondente á anualidade na que se presenten por falta de crédito, poderán ser tomadas en consideración na anualidade inmediatamente seguinte, no caso de que o solicitante faga manifestación expresa neste sentido, sen que isto supoña preferencia ningunha como criterio de selección.

Resolución

A AGADER resolverá sobre a concesión ou denegación das axudas, nos termos contidos na proposta de resolución efectuada pola xunta directiva ou órgano decisorio similar do GDR.

Publicaranse no DOG as subvencións concedidas, así como no taboleiro de anuncios da sede da AGADER, na web do GDR e na web da AGADER.

Ademais, a resolución notificarase individualmente a cada interesado. Notificada a resolución, e sen prexuízo dos recursos que procedan, transcorridos 10 días naturais desde a notificación sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e adquirirá desde ese momento a condición de beneficiario.

Desistencia e renuncia

En calquera momento da tramitación do expediente, o solicitante poderá desistir da súa solicitude de axuda, de forma expresa, mediante a presentación do documento normalizado. A desistencia dá lugar ao arquivo do expediente, nos termos establecidos na resolución que ao efecto dite a AGADER.

Nos mesmos termos, dá lugar ao arquivo do expediente, tras a resolución que ao efecto dite a AGADER:

- A falta de presentación en prazo da documentación requirida ao promotor na fase de instrución do procedemento.

- A renuncia do promotor á subvención concedida. A renuncia farase constar en documento normalizado.

En todo caso, cando o promotor non poida executar o seu proxecto, deberá presentar a renuncia á subvención concedida, constituíndo a falta de renuncia nestas circunstancias causa para iniciar expediente sancionador, ademais de, se é o caso, iniciar o procedemento de reintegro respecto das cantidades xa percibidas en concepto de subvención.

 

CALENDARIO DE XESTIÓN  

Para a xestión da estratexia de desenvolvemento local, teranse en conta as seguintes datas:

a) Data inicial de admisión de solicitudes: Para a submedida 19.2, desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria de Agader.

b) Data final de admisión de solicitudes para a primeira proposta anual de selección de proxectos: 31 de marzo de cada ano.

c) Data final de admisión de solicitudes para a segunda proposta anual de selección de proxectos: 31 de maio de cada ano.

d) Data final de pagamento dos investimentos ou gastos subvencionables polos promotores aos seus provedores: 15 de outubro de cada ano.

e) Data final de xustificación de investimentos: 15 de outubro de cada ano.

f) Data final de concesión de axudas: 30 de setembro de 2020.

g) Data final de pagamentos aos titulares de proxectos da totalidade da axuda certificada: 30 de novembro de 2020.

 

Río