QUE É O LEADER  
 
O LEADER é o conxunto de medidas do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 que se executa baixo metodoloxía LEADER (Ligazóns Entre as Actividades de Desenvolvemento da Economía Rural). Esta metodoloxía vén sendo impulsada pola Unión Europea desde 1991 para descentralizar as políticas de desenvolvemento rural, de xeito que o territorio rural deixe de ser un simple destinatario destas políticas para converterse en protagonista do seu propio desenvolvemento.
O programa LEADER de cada territorio deséñao e execútao un Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR). Trátase dunha asociación constituída por todas as entidades do ámbito económico, social, cultural, veciñal, medioambiental ou profesional, tanto públicas como privadas, que desexen implicarse. Estas entidades asociadas funcionan como calquera asociación sen fin de lucro e deben cumprir o principio de “portas abertas” polo que están obrigadas a admitir a calquera outra organización do seu territorio que desexe participar no programa.
A Asociación Miño Ulla, no actual período de Programación 2014-2020, é o Grupo de Desenvolvemento Rural 05 (GDR05).
 
COMO FUNCIONA O GDR  
 
O GDR05 elaborou unha estratexia de desenvolvemento do noso territorio de actuación, nela incluíanse cales eran as principais posibilidades, oportunidades e necesidades do mesmo desde o punto de vista produtivo, económico, dotacional, social, etc. Esta estratexia presentouse á convocatoria do programa para o período 2014-2020 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), ente público xestor do programa LEADER en Galicia, e resultou seleccionada, polo que a Asociación Miño Ulla GDR05 pasou a ser entidade colaboradora (e tamén beneficiaria) coa AGADER para a xestión do LEADER.
O GDR conta cunha estrutura técnica (equipo técnico) que se dedica ao labor de dinamización, mobilización e promoción, para desde xeito aplicar a estratexia deseñada para este territorio co obxectivo de que xurdan proxectos que se poidan financiar ao abeiro do programa LEADER. É o propio GDR quen se encarga de analizar e valorar os proxectos e, en función diso, o seu órgano directivo atribúe unha porcentaxe da axuda, partindo duns criterios predefinidos. A decisión trasládase á AGADER que, logo de revisar que a asignación do GDR se axusta á normativa, resolve a concesión da axuda.
 
 
ENFOQUE LEADER  
 
O elemento esencial da metodoloxía LEADER é que se trata de “procesos de abaixo cara a arriba”. O enfoque LEADER persegue unha aplicación do desenvolvemento rural baseado principalmente na participación da propia poboación do territorio, integrando todos os recursos e actores económicos e humanos que na comarca de actuación existan.
A estratexia ou programa de desenvolvemento, que implica unha formulación multisectorial, tanto na dimensión económica, como no resto de dimensións sociais (equipamentos, servizos e dotacións públicas, patrimonio cultural, medioambiente, relacións sociais, ...), defínese no ámbito local do territorio, e as decisión sobre as liñas concretas de aplicación das axudas e mesmo dos proxectos que se financian son tomadas nese mesmo ámbito por partenariados de axentes públicos e privados (na súa maioría privados por esixencia do programa). Para asegurar esa participación da sociedade rural dun xeito organizado, está o GDR.
Incorpórase a innovación como un elemento relevante, non entendida unicamente como elemento tecnolóxico, senón como novos xeitos de enfrontar os procesos no territorio, a solución de problemas, a participación e implicación da poboación, a satisfacción das necesidades, ...
Un último elemento definitorio do enfoque LEADER é o traballo en rede e a cooperación entre territorios xa que a aposta por un medio rural vivo pasa por establecer alianzas entre os distintos territorios rurais.
 
 
LEADER 2014-2020  
 
No marco do PDR de Galicia 2014-2020, a AGADER tramita a Medida 19 LEADER, amparada así mesmo polo Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, que regula no seu título III, capítulo II o desenvolvemento local participativo (DLP).
Esta actuación dá continuidade a programas LEADER anteriores tales como a iniciativa experimental LEADER I, pasando polos programas LEADER II e LEADER +, ata consolidarse no anterior período 2007-2013 coma o eixe 4 do PDR de Galicia.
Tendo en conta as características específicas do territorio rural galego e o obxectivo de contribuír á estratexia europea 2020 acadando un desenvolvemento territorial equilibrado, incluíndo a creación e a conservación do emprego, o enfoque LEADER para o período 2014-2020 en Galicia, orientarase á consecución prioritaria dos seguintes, obxectivos:
  • * Mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural.
  • * Mellorar e implementar servizos para a poboación nas zonas rurais, favorecendo a mellora do nivel de vida da poboación rural, a inclusión social e a redución da pobreza.
  • * Favorecer a ocupación sostible do territorio, prestando atención especial aos colectivos máis desfavorecidos, como as mulleres, os mozos/as, as persoas con discapacidade, as persoas maiores, etc.
  • * Garantir a sostibilidade da actividade no medio rural, mediante un coidado e utilización adecuada dos recursos naturais.
  • * Potenciar a gobernanza local e a animación social do territorio.
  • * Contribuír á concienciación e ao fomento da necesidade de pasar a unha economía baixa en carbono e capaz de adaptarse ao cambio climático, fomentando a utilización de enerxías renovables e a mellora da eficiencia enerxética.
 

Vacas